Andainas e outras actividades
Andainas por Trasalba
Dende o ano 2022 a Fundación Otero Pedrayo organiza, xunto coa Asociación de Veciños de Trasalba O Pazo de Cima de Vila, andainas polas terras de Trasalba.
A idea é compaxinar o deporte e a cultura, as camiñatas coa literatura, percorrendo lugares de interés que aparecen nos escritos de Otero Pedrayo e facendo paradas en cada un dos sitios para facilitarlles aos participantes explicacións sobre os lugares que visitamos e a relación deles coa figura do Patriarca das Letras Galegas, Ramón Otero Pedrayo.
Participar nos nosos roteiros significa asistir a unha xornada de actividades culturais, deportivas e sociais, rematando sempre cun xantar de amizade con todos os asistentes.
Se queres inscribirte na seguinte andaina que organicemos, queda pendente das nosas redes sociais de Facebook (Fundación Ramón Otero Pedrayo), Instagram (@oteropedrayofundacion) ou X (@Otero_Pedrayo).
Premio Otero Pedrayo de relato curto
Dende o 2024 a Fundación Otero Pedrayo convoca este premio nos primeiros meses do ano. Trátase dun premio dirixido a maiores de 18 anos que busca reconectar a figura de don Ramón co público adulto, así como atopar novos talentos da escritura.
Os textos deben ser orixinais e non ter máis de 2.000 palabras e, aínda que a temática dos relatos é libre, debe aparecer a figura de Ramón Otero Pedrayo para ser un traballo válido para o xurado.
O texto gañador aparece na revista Trasalba do ano correspondente, xunto cos demais artigos da publicación.
Se queres participar no seguinte premio de relato curto, queda pendente das nosas redes sociais de Facebook (Fundación Ramón Otero Pedrayo), Instagram (@oteropedrayofundacion) ou X (@Otero_Pedrayo).
Concurso "Vivindo con Otero Pedrayo"
Cada certo tempo a Fundación Otero Pedrayo organiza o concurso de fotografía “Vivindo con Otero Pedrayo”. É unha actividade que ten como finalidade dar a coñecer a casa do que foi o Patriarca das Letras Galegas, tanto para os que participan directamente como para aqueles que poidan coñecer a casa a través das imaxes presentadas ao premio, xa que se publican en redes sociais.
A temática das imaxes para o concurso é “Dar a coñecer a casa de Ramón Otero Pedrayo” polo que só se admiten fotografías relacionadas coa mesma e os seus arredores.
Se queres participar no seguinte concurso de fotografía, queda pendente das nosas redes sociais de Facebook (Fundación Ramón Otero Pedrayo), Instagram (@oteropedrayofundacion) ou X (@Otero_Pedrayo).




