Premio Trasalba
O premio Trasalba que outorga a Fundación Otero Pedrayo institúese no ano 1983 e celébrase no último domingo do mes de xuño. Nun primeiro momento, a razón do premio era a vinculación, directa ou indirecta, coa figura e os ideais de don Ramón. Progresivamente foi evolucionando cara a selección dun personaxe referente na cultura galega. Salvo o premio concedido a Agustín Sixto Seco, fundador e primeiro presidente da Fundación, que tivo carácter de póstumo, sempre se concede a unha persoa en vida.
O Premio Trasalba é unha distinción que a Fundación Otero Pedrayo realiza cada ano para agasallar unha persoa ou institución que se teña salientado na defensa e espallamento na lingua e a cultura galega. Teñen carácter honorífico.
A proposta do premiado sae da Xunta de Goberno da Fundación, logo de consultar aos membros do Plenario e mesmo recibir iniciativas da sociedade civil. A Xunta de Goberno comunícallo ao Padroado para o seu apoio. O “acto literario”, a entrega do premio, ten lugar no auditorio da Casa Grande de Cimadevila e consiste nunha homenaxe ao premiado ou premiada cunha laudatio e a presentación dunha fotobiografía do mesmo. Tamén se lle entrega unha placa conmemorativa, unha publicación dedicada á persoa homenaxeada e unha figura en bronce de Otero Pedrayo deseñada para o caso polo escultor Manuel Buciños. Ata o ano 2011 no canto desta figura entregábase aos galardonados un deseño especial realizado por Isaac Díaz Pardo. Tras a intervención do homenaxeado, a festa remata cun
xantar-romaría no souto da casa.












































