FUNDACIÓN OTERO PEDRAYO

Que é a Fundación Otero Pedrayo?

A Fundación Otero Pedrayo é unha fundación cultural de dereito civil que ten como obxectivo manter viva a memoria e a promoción da obra do “Patriarca das Letras Galegas”, Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888 - 1976), a través da custodia da súa Casa Museo en Trasalba, no concello de Amoeiro (Ourense).


O primeiro presidente da institución foi Agustín Sixto Seco, quen xa presidira con anterioridade a Fundación Rosalía de Castro. En 2004 sucedeuno no cargo Víctor F. Freixanes, a quen sucedeu en 2017 Juan Luís Saco Cid. No 2021 pasa a presidir a fundación Xosé Eduardo López Pereira.


Ramón Otero Pedrayo, un dos intelectuais galeguistas máis sobranceiros da xeración das primeiras décadas do século XX, deixou unha manda no seu testamento pola cal legaba a súa obra e propiedades, incluida a Casa Grande de Trasalba (hoxe musealizada), á cultura galega e a Galicia, representada a tal efecto pola Editorial Galaxia (1950), da que foi primeiro presidente do seu Consello de Administración.

Como fórmula xurídico-administrativa, para atender os seus desexos, decidiuse crear unha fundación que foi recoñecida por orde ministerial o 19 de xullo de 1979. Máis tarde foi tamén recoñecida pola Xunta de Galicia como Fundación de interese galego.


En cumprimendo dos seus obxectivos, a Fundación promove unha Asociación de Amigos de Otero Pedrayo e realiza unha serie de actividades ao longo do ano: andainas, visitas teatralizadas, premios escolares… A máis destacable de todas elas é unha festa anual que se celebra o último domingo do mes de xuño na que se entrega o Premio Trasalba a unha persoa sobranceira da cultura galega. Nesa mesma data preséntanse as novas edicións do Padroado e do Instituto de Estudos Oteriáns, publicacións orientadas ao coñecemento e difusión da obra de Otero Pedrayo e, por extensión, o espírito galeguista da chamada Xeración Nós.

Onde estamos?

A Casa Grande de Cimadevila, é dicir, a Casa Museo Otero Pedrayo, atópase na vila de Trasalba, no concello de Amoeiro, asentada na bocarribeira sobre os vales dos ríos Barbantiño e Miño. Sitúase a 12 quilómetros de Ourense, 76 de Vigo, 82 de Lugo, 96 de Pontevedra, 100 de Santiago de Compostela, 160 de A Coruña e 200 quilómetros de Ferrol.

Pódese chegar dende a estrada N-120 de Vigo a Ourense, collendo o desvío en Santa Cruz de Arrabaldo, ou pola estrada N-525 de Ourense a Santiago de Compostela, desviándose á altura de Tamallancos e atravesando os Chaos de Amoeiro.

Asociación de amigos de Otero Pedrayo


Tralo pasamento de don Ramón no ano 1976, créase a Asociación de Amigos de Otero Pedrayo, con sede social na súa Casa-Museo de Cima de Vila. Foi o seu primeiro presidente, Xosé Luis Vázquez Sotelo, catedrático de dereito na Universidade de Barcelona, que dirixiu a Asociación ata o ano 1995.


A Asociación asume, por regulación dos seus propios Estatutos, os fins da Fundación Otero Pedrayo, e está representa na mesma polo presidente.


En 1995, o entusiasmo do Dr. Sixto Seco pola Asociación levouno a unha renovación completa da súa directiva, sendo elixido daquela como presidente Xosé Eduardo López Pereira, catedrático de latín da Universidade da Coruña. Modificáronse entón os Estatutos e constituíuse un novo equipo directivo formado por Pedro Gómez Antón (vicepresidente), Augusto Pérez Alberti (secretario), Xosé Luis Saco Cid (tesoureiro) e Enrique Bande Rodríguez e Francisco Puy Muñoz(vocais). Dous anos mais tarde, en 1997, pasou a ocupar o posto de secretario, Luis Rodríguez Ennes.


A asociación creou nesas datas o premio “Amigos de Otero Pedrayo” para estudantes de Ensino Medio, coa idea de que a figura de don Ramón non sexa esquecida polas novas xeracións, premio que estivo vixente ata o ano 2001, e mais o premio ”Artesán distinguido do Concello de Amoeiro”, que tivo tres convocatorias.


Cando Eduardo López Pereira pasa a ocupar o cargo de presidente da Fundación Otero Pedrayo, faise necesaria a renovación do equipo directivo para dar un novo impulso. Así, o 27 de xullo de 2022, celébrase unha Asamblea Xeral da Asociación na Casa Museo Otero Pedrayo, en Trasalba, na que se elixiu unha nova xunta directiva, encabezada por Xosé López García como presidente, a quen acompañan María José Bravo Bosch (vicepresidenta), Juan Maceiras Formosel (secretario), Xosé Ramón Pousa Estévez (tesoureiro), e como vogais Eva Torres, Miguel Anxo Fernández e Xesús Manuel García Díaz.


A Asociación de Amigos de Otero Pedrayo organiza anualmente, dende o 2022, o “Premio de Oratoria en Formato Podcast Ramón Otero Pedrayo”, dirixido ao alumnado menor de 25 anos de calquera ámbito. A idea, unha vez máis, é facer que a figura de don Ramón non sexa esquecida polas novas xeracións.

Centro de Estudos Oterianos

Nos Estatutos da Fundación Otero Pedrayo, no capítulo correspondente aos obxecticos e fins da mesma (Título Segundo. Artigo 6.5), contémplase a creación do Centro de Estutos Oterianos.


Este instituto ten como encomenda non só promover actividades, estudos e publicacións relacionadas coa obra do Patriarca das Letras Galegas senón avivar asemade todos aqueles ámbitos, moi especialmente nas ciencias sociais ou mesmo na creación literaria, que estean no espírito da Fundación. Foi creado no ano 2002.



O catálogo de publicacións da Fundación Otero Pedrayo, moitas delas en colaboración con Editorial Galaxia, está promovido polo Centro de Estudos Oterianos.