O Souto
O castiñeiro é unha das árbores máis emblemáticas de Galicia. Malia que autóctona, os romanos estenderon o seu uso coma árbore para o alimento animal, afianzándose con maior forza no Noroeste do que xa era tradicional. A partir de época moderna, estas árbores foron unha importantísima fonte de alimento no rural galego, como amosan denominacións do tipo “árbore do pan”. Ademais, proporcionaban madeira para moblería, cestería, leña para quentarse... A madeira nobre dos castiñeiros, habitual para usos de carpintería mobiliaria, foi moi utilizada no Ribeiro para facer estacas de soporte e condución das cepas de viña, pois resiste ben a intemperie.
Os castiñeiros que se enxertan con castes seleccionadas ao longo dos séculos, cultívanse formando conxuntos denominados Soutos Mansos. Este é o caso dos castiñeiros de Cima de Vila. Moi preto da aldea, subindo desde Santa Cruz de Arrabaldo, en cambio, está o lugar de Soutomanco, que posiblemente faga referencia a que parte del cambiou de dono e de uso, para se converter en terras de labor. O souto é, sen dúbida, un dos ecosistemas que máis inspiraban a don Ramón, pola frondosidade e maxestade das árbores, pero tamén por ser un dos elementos profundamente autóctonos da paisaxe.
Nun dos artigos de Parladoiro (9-7-1948), unha sección no xornal compostelán La Noche, o autor describe o souto de Trasalba: “ Son trinta e dous castiñeiros. Vellos, con esa leda velleza das pólas en roda capaces de abranguer unha aldea e moitas xeracións”. No mesmo artigo refírese con máis vagar a tres grandes castiñeiros: “Dos tres irmáns da Fonte Vella, o do medio foi decotado polo carpinteiro de Vendas Novas, que dixo topalo fogueado no cerne. Gran mentira de caralavada, pois endexamais foi traballada tan limpa madeira, san como mazá camoesa!”
O noso escritor expresou a vontade de que cando el faltase, parte do souto quedase para uso e goce dos veciños de Trasalba, xesto que denota o seu espírito amable e desprendido. Castelao tamén foi admirador desta árbore senlleira. Plasmouna nalgunhas das súas obras pictóricas, entre elas, nas tituladas “O castiñeiro do Val”, “O Cachoupo” ou “O souto dos gatos”, unha enigmática acuarela propiedade hoxe da Fundación Otero Pedrayo.
Durante os anos 2023 e 2024 replantáronse os soutos de Trasalba, xa que moitas das árbores estaban mortas ou moi afectadas por patoloxías típicas dos castiñeiros (o cancro, a tinta e o cinípedo) que, xunto coa tala masiva e a entrada de especies foráneas, motivou a progresiva desaparición da maior parte dos soutos tradicionais. Para estas novas plantacións empregáronse castiñeiros híbridos superiores, de maior resistencia. A empresa Hifas Foresta realizou estas plantacións mediante un proxecto reitor promovido pola Fundación Ramón Otero Pedrayo, coordinado polo arquitecto D. Iago Seara e financiado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
HORTO DE FROITEIRAS
Por regra xeral, en calquera casa rural, a cantidade de froiteiras da horta era ampla pois así se garantía que houbese froita na casa nas diferentes épocas do ano.
Os pomares, a maceira e a sidra
Entre as froiteiras da Fundación Otero Pedrayo destaca a gran variedade de maceiras (máis de duascentas), abondosas na zona do Ribeiro, o que se debe en boa medida á importancia que antano tivo o cultivo desta froita tanto para o alimento humano e animal coma en particular para a produción de sidra, da que consta que o Noroeste era bo produtor desde época prerromana. A introdución da vide en época romana, e en particular, o seu desenvolvemento comercial medieval foi reducindo a produción sidraria e a concentrala no norte peninsular.
As moreiras
Sobre as moreiras, Otero deixou a súa opinión ben fundada en “A árbore dos paxaros de ouro” artigo publicado en El Pueblo Gallego o 2 de outubro de 1927: “Noutro tempo, as plantacións de moreiras foron unha das arelas dos que pensaban na redención do agro. Economistas de perruca e encaixes do daravite, fidalgos e abades ilustrados, afastábanse un instante de etiquetas, pergameos e teoloxías para cavilar na felicidade dos labregos”.
Efectivamente, a sericultura tivo certa importancia na provincia de Ourense, aínda que o seu uso nunca chegou a competir coa masiva produción de liño, xeral en Galicia. Sabemos que Don Ramón tíñalle moito aprecio a moreira que aínda se atopa na horta do Pazo de Trasalba. Non existen moitas moreiras vellas en Galicia e ningunha coa historia da vella árbore de don Ramón, que lle tiña especial aprecio a esta especie que probablemente sexa descendente das antigas variedades que se plantaban para apoiar o cultivo de seda e o aproveitamento dos seus deliciosos froitos.
A tileira
A grande árbore que preside o curro da casa é un fermoso e antigo tileiro plantado polo pai de Pedrayo, o doutor Enrique Otero Sotelo, quen, como conta Otero, adoitaba pasar consulta de balde á veciñanza da contorna, que esperaba tanto onda a sombra da tileira coma na galería do pazo á espera de ser recibidos por Don Enrique, prototipo do médico culto, liberal e filántropo do século XIX.
Otero Pedrayo escribiu: “O señor da casa gustaba de xuntar os veciños naquela hora baixo a vella tielira que el tiña cantado cando estudante de Medicina comezaba a zona de entrambas lumieiras”:
As laranxeiras e cítricos
A chegada de cítricos de Asia supuxo un incremento da diversidade no subministro de froita na estación invernal que ata daquela adoecía de escaseza de árbores autóctonas que producisen nese periodo. Os cítricos, provenientes de China, foron unha importante achega (como máis adiante sería o kiwi) e na Casa Grande plantáronse varias laranxeiras, das que hoxe só conservamos tres fermosos exemplares. O escritor contaba que a laranxeira máis próxima á xanela sur da sala fora plantada cando naceu seu pai, o doutor Enrique Otero Sotelo, o que dota de maior valor histórico ao conxunto destas árbores.
A VIDE
A historia das vides e o viñedos na terra do Ribeiro e o seu vencello coa Casa Grande de Trasalba é un leit motiv recorrente nos textos oterianos: “Comeza nas viñas rubideiras das costas, as fondas terras de rega, os pobos privados de cabaceiros mais inzados de bodegas e lagares” (“Camiños nas paisaxes”, Céltiga 1920) “As bodegas adoitan variedade de disposicións. Hainas illadas e afastadas da casa, na viña ou preto dela, formando como no lugar do Quintairo, un pobo sen veciños” (1928). A economía da comarca tiña no cultivo da vide un motor fundamental, coma en todo o Ribeiro, que se estendía tamén á outras actividades especializadas, ente outras, a da limpeza do sarrio de cubas e bocois. En palabras de Eladio Rodríguez: “O sarrio constitúe un negocio antigo ao que se dedicaban hai anos dúas compañías de homes da parroquia de Trasalba, que van as terras de viño de Castela, Navarra e Aragón, e as veces ás comarcas da beiramar de Pontevedra, para dedicarse a arrincar o sarrio das cubas, na época comprendida entre a venda do viño e a nova vendima”. A Casa Grande conserva aínda a súa zona de adega, na que se manteñen os vellos bocois que limpaban os sarrieiros de Trasalba e onde, sen dúbida, se elaborou un moi digno viño do Ribeiro. Este espazo hoxe está convertido no gran salón de actos da Casa Grande de Don Ramón, espazo fundamental dos eventos públicos da Fundación Otero Pedrayo.
O IRMANCIÑO (ARAUCARIA)
Se hai unha árbore icónica en Trasalba, esta é, sen dúbida, a vella araucaria, cuxo destino Don Ramón considerouno sempre encetado á súa vida. Foi o pai de Otero, precisamente, quen plantou esta árbore en 1888 para conmemorar o nacemento do que sería o seu único fillo. Don Ramón sempre sentiu un especial vencello con esa árbore, coma un irmán nacido ao mesmo tempo. En febreiro do ano 1972, un temporal derrubouna sobre a casa. Otero sentiuno fondamente e considerou aquel feito unha especie de presaxio. Algúns amigos de don Ramón, que estaba moi consternado, conservaron a súa madeira, coa intención de empregala, en parte, para construír o cadaleito do escritor, seguindo a vontade que el mesmo expresara.
En Devalar (1935) Ramón Otero Pedrayo describe o seu medre e mesmo a súa entrada na casa, coma un membro máis da familia: “A vella baixa polo xardín. Mira para araucaria. Era ben pequeniña cando foi plantada. Agora a soma piramidal pasea amodiño todo xardín, ponse de peitos na solaina, ata mete un pico de soma na sala”.
En 2024 volveuse plantar unha nova araucaria (Araucaria heterophilla) no lugar aproximado onde medrara o “irmanciño” oteriano. Fíxose dentro do proxecto reitor promovido pola Fundación Ramón Otero Pedrayo, coordinado polo arquitecto Iago Seara e financiado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
HÓRREOS E CEREALEIRAS
Na casa de Trasalba consérvanse dous hórreos, co estilo habitual da comarca, cos tornarratos en forma de mesa. O número dobre indicaba, por unha banda, a riqueza dos cultivos do arredor, pero tamén o feito de que contra o que moita xente pensa, a casa de Trasalba era precisamente unha casa de rico labrantío, orientada ao cultivo, almacenaxe e venta dos produtos agrícolas do arredor, e non un pazo señorial. O hórreo é un elemento distintivo, polo tanto, da casa labrega, pero tamén da paisaxe galega, humanizada durante séculos, que Otero estudou con detalle durante toda a súa vida, e que complementaba, coma construción humana, a paisaxe galega marcada polo desenvolvemento do millo. Na súa Guía de Galicia, Otero describe esa paisaxe á vez humana e económica: "O millo pomposo, rico, de rápido e brillante ciclo vexetativo, significa unha adaptación tropical de admirables harmonías e resultados, como que sen el non sería facilmente concibible a paisaxe galega (...). Tanto de regadío como sen rego, rende colleitas admirables. Nas veigas é frecuente que permita dúas colleitas. Nas terras altas alterna co centeo, e aínda recollido este seméntase un millo de revoltiza ou serodio a última última colleita do outono. Serve para panificar e para penso. A súa venda asegura, como a do viño, a estabilidade anual dos fogares. Os talos verdes e secos alimentan o gando; da folla branca e suave que envolve a espiga, cosco, enchíanse antes os colchóns. A súa flor masculina e alta, o pendón, recóllese para penso gratísimo a ganado vacuno."
OS XARDÍNS DE ENFEITO E A SOLAINA
A expresión “xardín de enfeito” fai referencia aos numerosos elementos vexetais de carácter ornamental distribuídos na contorna da Casa Grande de Trasalba, e amosan a transformación da contorna dunha habitación orientada á economía agrícola cara un terreo onde comezan a convivir, en pequeno, elementos decorativos máis propios da paisaxe dos pazos. A Casa amosa unha combinación única de agricultura e ornamentalidade a través do vencello entre xardín e vides. Os paseos, as fontes de pedra comunicadas cos seus regos, as sobreiras e xardineiras son as estruturas que entre as viñas, conforman o xardín de enfeito da parte dianteira da Casa Grande. Por contra, na parte traseira, desenvolveuse un pequeno xardín puramente ornamental, no que os eixos centrais eran o “Irmanciño” e a fonte, rodeados por camiños xeométricos de buxos, entre roseiras e camelias, a modo de pequeno xardín francés, propio dos pazos de finais do século XIX.
Un dos elementos arquitectónicos máis destacados da Casa Grande de Trasalba é a súa solaina. Dotada dun significativo barandal de pedra, foi un espazo importante de entrada de visitas, pero tamén un espazo íntimo no mundo de Otero. Alí, a dicir das súas verbas, foi onde interiorizou as importantes lecturas de Chateaubriand, un autor que o acompañou durante toda a súa vida:
“Nos amamos a Chateaubriand. Foi o primeiro autor lido por nós de nenos e mozos na solaina de pedras orceladas de Trasalba”.
Na sección “Parladoiro” do xornal compostelán La Noche, o escritor publicaba un texto nomeado “Dende a solaina”, no que combina de xeito maxistral a análise da paisaxe humana e natural: “Dende a solaina vese un grande anaco do chan galego: horizonte aberto, equilibrado graduado en desenvolvementos suxestivos dos mais variados temas da paisaxe. Os ollos buscan a, ergueita serenidade dos cumes”.
Entre 2023 e 2024 replantáronse todos os elementos dos xardíns de enfeito que ocuparon esta área, imitando as sebes de buxo no lugar aproximado que deberon ocupar orixinariamente, mediante un proxecto reitor promovido pola Fundación D. Ramón Otero Pedrayo, coordinado polo arquitecto Iago Seara e financiado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
A AUGA NA CASA GRANDE
Polo medio do souto anexo á Casa Grande de Trasalba existía unha canalización de pedra que baixaba desde o lavadoiro do pobo e que chegaba ata a vivenda de D. Ramón. Ao carón da porta do Centro de Estudos Oterianos aínda pode verse unha parte desta canle de granito. Coma o xardín de Trasalba, a auga amosa ao longo dos terreos da finca a combinación dos usos cotiás e os usos suntuarios e mesmo artísticos. Así se aprecia en diferentes estruturas arquitectónicas coma os bebedoiros para o gando, o lavadoiro da panasqueira, os estanques do patio principal, ou a fonte do xardín de enfeito. En último termo, os cursos de auga e regatos da comarca están vencellados co río Barbantiño, un dos eixos vertebradores da paisaxe de Trasalba. Este afluente do Miño, hoxe integrado na Rede Natura 2000 de protección ecolóxica europea da biodiversidade, únese co gran río no lugar de Bocarribeira, que dá nome, asemade, ao único poemario escrito por Otero. Nos anos 2023 e 2024 recuperáronse algunhas das fontes da Casa Grande de Trasalba mediante un proxecto reitor promovido pola Fundación Ramón Otero Pedrayo, coordinado polo arquitecto Iago Seara e financiado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.








